Guía do patrimonio cultural inmaterial galego e a súa conservación.

Descarga el programa en PDF

Introdución


Esta guía supón un achegamento ao concepto de patrimonio cultural así como á necesidade do coñecemento e da preservación do mesmo co fin de protexer elementos que conforman a identidade e a cultura dos pobos, concretamente o galego.
Nesta guía centrarémonos no patrimonio cultural inmaterial, que engloba os recursos patrimoniais intanxibles das comunidades.
Así mesmo, este documento busca unha aproximación ao mundo empresarial como facilitador da conservación do patrimonio cultural dende unha perspectiva sostible.

Que é o patrimonio cultural?


O concepto de patrimonio fai referencia ao conxunto de bens e dereitos herdables, pertencentes a unha persoa, comunidade ou pobo.
Existen diferentes tipos de patrimonio:

Patrimonio natural: son os monumentos naturais que teñen un especial valor estético, medioambiental ou científico.
Patrimonio cultural: está formado polo conxunto de bens culturais, que a historia foi creando e que no presente teñen unha importante relevancia histórica, estética, simbólica, etc., para os cidadáns dun pobo.

Se atendemos ao concepto cultura, podemos dicir que en trazos xerais a cultura supón o conxunto de ideas, coñecementos e tradicións que definen un pobo.
Segundo a Unesco (2018) “as diversas manifestacións da cultura abarcan dende os máis prezados monumentos históricos e museos ata os ritos tradicionais e a arte contemporánea, que enriquecen o noso día a día de múltiples maneiras”.
Esta organización de Nacións Unidas busca establecer a paz a través da educación, a ciencia e a cultura. Neste senso podemos advertir a importancia da cultura como elemento de cohesión das comunidades xa que nutre de coñecemento ás persoas permitindo o entendemento do seu entorno e da súa historia.
Ademais ten o poder de transformar as sociedades que actúan e viven baixo un marco normativo non explícito. A Unesco defende que ningún progreso pode ser duradeiro se non ten un compoñente cultural forte.
Galicia conta cun rico patrimonio cultural que ten un valor propio e que define a identidade da cultura galega.
Segundo a súa natureza, podemos diferenciar o patrimonio cultural galego como patrimonio material ou patrimonio inmaterial.

Que é o patrimonio cultural inmaterial?


O Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) fai referencia ao conxunto de elementos, prácticas, procesos e representacións que caracterizan ao patrimonio cultural. Segundo a Unesco, “este PCI transmítese de xeración en xeración, sendo recreado constantemente por comunidades e grupos en función do medio no se que se desenvolve, a súa interacción coa natureza e a súa historia”. (Portal do Patrimonio Cultural Inmaterial de Galicia, 2018).
Seguindo á Unesco (2018), as manifestacións do PCI son:

Tradicións e expresións orais, incluído o idioma como vehículo do patrimonio cultural inmaterial. Abarca unha inmensa variedade de maneiras faladas como proverbios, adiviñanzas, contos, cancións, lendas, mitos, cantos e poemas épicos, sortilexios, pregos, salmodias, representacións dramáticas, etc. Estas tradicións e expresions serven para transmitir coñecementos, valores culturais e sociais. É unha memoria colectiva fundamental para manter vivas as culturas. Algúns tipos de expresións orais son de uso corrente e poden ser utilizadas por comunidades enteiras, mentres que outras forman parte de determinados grupos sociais. Ao transmitirse verbalmente, as expresións e tradicións orais soen variar moito. Os relatos son unha combinación de imitación, improvisación e creación que varían segundo o xénero, o contexto e o intérprete. Esta combinación fai que sexa unha forma de expresión viva, pero tamén fráxil, porque a súa viabilidade depende dunha cadea ininterrompida de transmisión dunha xeración de intérpretes a outra. A diferencia dos idiomas configura a transmisión das narracións, os poemas e as cancións afectando ao seu contido. A morte dun idioma conduce inevitablemente á perda definitiva de tradicións e expresións orais. As linguas viven nas cancións, relatos, adiviñanzas, etc., por iso a protección dos idiomas e a transmisión das tradicións e expresión gardan unha estreita relación entre sí.
O apalpador

O recanto de rosateca (2016)

● As técnicas artesanais tradicionais. Máis ala dos produtos derivados da artesanía, ocúpase sobre todo das técnicas e coñecementos utilizados nas actividades artesanais. As expresións da artesanía tradicional son moi numerosas: ferramentas, prendas de vestir, xoias, indumentaria e accesorios para festividades e artes do espectáculo, recipientes e elementos empregados para o almacenamento, obxectos usados para o transporte ou a protección contra a intemperie, artes decorativos e obxectos rituais, instrumentos musicais, utensilios domésticos, e xoguetes lúdicos ou didácticos.
Cesteiro

Mapio (2018)

● Artes do espectáculo (como a música tradicional, a danza e o teatro). Van dende a música vogal ou instrumental, a danza o teatro ata a pantomima, a poesía cantada e outras formas de expresión. A música, quizais a expresión máis universal, está presente en rituais, acontecementos festivos, tradicións orais. Presente nos contextos máis variados, sexan sagrados ou profanos, clásicos ou populares, e está estreitamente relacionada co traballo ou o lecer. Posúe ademais unha dimensión política e económica; A danza pode definirse coma unha serie de movementos corporais suxeitos a unha orde e habitualmente acompañados de música. A parte do seu carácter físico, a danza soe expresar un sentimento, un estado de ánimo ou ilustrar un acontecemento particular ou un acto cotiá, como ocorre coas danzas relixiosas e as que representan episodios de caza, guerra ou actividade sexual; As representacións teatrais tradicionais soen combinar canto,, danza, música, diálogo, narración ou declamación, pero tamén poden consistir en espectáculos de marionetas ou pantomimas. Estas artes poden desempeñar un papel cultural ou social moi importante.
A bruxa Carmiña. Cristina Collazo

A biblioteca das palabras máxica (2017)

● Usos sociais, rituais e actos festivos. Constitúen costumes que estruturan a vida de comunidades e grupos, sendo compartidos e estimados por moitos dos seus membros. Contribúen a sinalar cambios de estación, épocas de faenas agrarias e as etapas da vida humana. Soen celebrarse en momentos e lugares especiais, e recordan á comunidade aspectos da súa visión do mundo e da súa historia. Nalgúns casos o acceso pode estar limitado a certos membros da comunidade (ritos de iniciación, vodas, funerais, etc.), noutros casos forman parte da vida pública (entroido, Ano Novo, a chegada da primavera, etc.). Definen claramente a identidade social, actos como saudar ou felicitar, no que o intercambio de obxectos pode ter un carácter formal ou informal e cun importante significado político, económico e social. Supoñen infinidade de exemplos: ritos de culto e transición; cerimonias con motivo de nacementos, desposorios e funerais; xuramentos de lealdade; sistemas xurídicos consuetudinarios; xogos e deportes tradicionais, cerimonias de parentesco e achegamento ritual; modos de asentamento; tradicións culinarias; cerimonias estacionais; usos reservados aos homes ou mulleres; prácticas de caza, pesca e de recolección, etc. Estas abarcan tamén unha ampla gama de expresións e elementos materiais: xestos e palabras particulares, recitacións, cantos ou danzas, indumentaria específica, procesións, sacrificios de animais e comidas especiais.
Xenerais da Ulla

Concello de Santiago (2012)

● Coñecementos e usos relacionados coa natureza e o universo. Abarcan unha serie de saberes, técnicas, competencias, prácticas e representacións que as comunidades crearon na súa interacción co medio natural. Estes modos de pensar o universo exprésanse na linguaxe, a tradición oral, o sentimento de apego a un lugar, a memoria, a espiritualidade e a visión do mundo. Estes inflúen moi considerablemente nos valores e crenzas, e constitúen o fundamento de moitos usos e tradicións culturais. Estes coñecementos e usos comprenden numerosos elementos como poden ser coñecementos ecolóxicos tradicionais, os saberes dos pobos indíxenas, os coñecementos sobre a fauna e a flora locais, as menciñas tradicionais, os rituais, as crenzas, os ritos de iniciación, as cosmoloxías, as prácticas chamánicas, os ritos de posesión, as organizacións sociais, as festividades, os idiomas e as artes visuais.
O Corpiño. Lalín

Lulu Cháves (2014)

A conservación do patrimonio cultural material


O PCI é un importante factor de mantemento da diversidade cultural fronte á medrante globalización. Segundo a Unesco (2018) a comprensión do PCI de diferentes culturas contribúe ao diálogo entre culturas e promove o respecto cara outros modos de vida. Sendo así, é de grande importancia a comprensión do propio PCI. Debido á súa fraxilidade existen diferentes organismos que tratan de preservar e difundir o PCI.

A Unesco desprega o programa Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade co obxectivo de garantir unha mellor visión do PCI de culturas diversas e concienciar da súa importancia. Galicia, xunto con outras sete comunidades, conta co seu primeiro ben inmaterial declarado patrimonio da humanidade, a arte da pedra en seco. Trátase dunha técnica de construción tradicional, que prescinde de calquera argamasa ou morteiro, e resulta especialmente relevante, entre outras na comarca do Deza. (Diario de Pontevedra, 2018).
Alvariza. Zobra (Lalín)

(Amarelas, 2017)

A nivel estatal, a través da Ley 10/2015, de 26 de mayo, para la salvaguardia del Patrimonio Cultural Inmaterial, o Ministerio de Cultura e Deporte desenvolve o Plan Nacional de Salvaguardia del Patrimonio Cultural Inmaterial.
Ao igual que en Galicia, existe o Plan para a salvagarda e posta en valor do patrimonio cultural inmaterial de Galicia.
Compre falar ademais das asociacións culturais que buscan a recuperación e revalorización de tradicións, costumes e festas, consolidándoas de xeración en xeración.
O vello dos cornos. Merza (Vila de Cruces)

(Noticias Vigo, 2018)

Emprendemento, desenvolvemento local e sostibilidade.


Se ben, a meirande parte das actividades relacionadas ao concepto de “patrimonio” teñen que ver coa preservación e a conservación, este concepto conforma un amplo escenario de actuación. Este ámbito serve como oportunidade de negocio para elaborar de proxectos de emprendemento. O patrimonio cultural inmaterial supón un recurso das comunidades do que se poden extraer beneficios. A súa conservación pode permitir que os beneficios sexan individuais pero tamén colectivos. Segundo sexa o obxectivo empresarial e o plan de emprendemento, os beneficios derivarán, non só na empresa senón, na comunidade onde desenvolva a súa actividade. Isto pode suceder dunha maneira simbiótica; xa que o PCI só existe cando é recoñecido como tal polos pobos, as empresas poden xerar desenvolvemento local coidando o producto que comercializan, o PCI.

Pero, que é o emprendemento?

Emprender significa coller unha idea e levala a cabo. Parte dun estado de insatisfacción ou insuficiencia que se quere cambiar e que vai da man de acadar maiores logros.

Todo surxe cunha idea de negocio, que se traballa a través das aptitudes dos/das emprendedores/as. Estes/as deciden organizar os recursos necesarios para poñer esa idea en marcha na súa futura empresa, sexa pyme ou startup.

“Soña en grande e atrévete a fallar” – Norman Vaughan

Se ben todo emprendemento implica unha innovación e un risco, é o camiño para materializar os soños.

Teño perfil emprendedor?

Darlle forma a un soño non é unha tarefa sinxela, require un gran sacrificio onde converxen moitas variables, polo que é mellor contar con algunhas ferramentas propias.
Presentámosvos algunhas características que comparten as persoas emprendedoras. Seguindo a Emprende Pyme.net (2018), os/as emprendedores/as contan con:
● paixón
● claridade das ideas
● capacidade continua de aprendizaxe e de afrontar riscos
● determinación e coraxe
● creatividade
● persistencia
● flexibilidade
● autoestima

Quen me pode axudar a levar adiante a miña idea?


Existen diferentes entidades que prestan apoio a persoas emprendedoras de diferentes maneiras. Algunhas fano de maneira consultora, resolvendo dúbidas, guiando o proceso de constitución e consolidación da empresa; outras fano de maneira económica, habilitando axudas para impulsar o financiamento inicial que precisa a empresa e poida materializarse.

Estas axudas tamén dependen da forma xurídica que decidades adoptar para a vosa empresa. Por exemplo, as empresas que pertencen á Economía Social, como as cooperativas, soen contar con apoios específicos polo beneficio social que se deriva da súa actividade.

Ademais se es xove, existen axudas concretas para mellorar a empregabilidade xuvenil.

Así, podedes atopar apoios en:

Por onde empezo?


Para facer algo e que sexa con éxito precísase un plan. Neste caso, un plan de empresa, proxecto empresarial, proxecto de negocio… Este plan determinará a nosa idea de negocio, as necesidades que ten, o financiamento, os clientes que teremos, como nos daremos a coñecer, etc. O plan serviranos como ferramenta para ir camiñando no noso emprendemento.

Aquí vos deixamos uns enlaces que vos axudarán a elaboralo.

Exemplos de emprendemento cultural


Mostramos a continuación algúns exemplos de iniciativas empresariais con obxectivos de negocio diferentes, pero que teñen como elemento central de negocio o patrimonio cultural inmaterial.

Mellor facelo sostible


Podemos dicir que as actividades que se derivan da conservación e a posta en valor do patrimonio poden ser fonte de emprego.
Ou visto doutra maneira, o emprego pode xerar procesos de conservación e de revalorización do patrimonio.
Vendo a importancia da conservación do patrimonio, observamos que a etiqueta “sostible” podería encaixar perfectamente co noso proxecto de empresa, xa que, segundo a RAG (2018) significa preservar, manter ou mellorar a calidade dos recursos actuais e velar polos futuros.
Nutrir o noso emprendemento de esta idea implica atender ás necesidades actuais sen comprometer á capacidade de atendelas nun futuro. Por iso é importante atender aos impactos das nosas actuacións: impactos ambientais, sociais e económicos, xa que van a influír sobre o entorno e sobre o produto ou servizo que queiramos vender.

Temas de análise


● A cultura e a identidade
A identidade no ser humano refléxase na solución de problemas e en afrontar retos de maneira clara e precisa. Cando a identidade está definida faise posible lograr nexos de identificación con outro. Así os procesos de enculturación e aculturación afectan á vida cotiá de persoas e colectivos.

● A interpretación do patrimonio cultural inmaterial
A interpretación do patrimonio é un proceso creativo de comunicación estratéxica que persigue conectar intelectual e emocionalmente ao observador cos significados do recurso ou enclave, promovendo actitudes positivas cara a súa conservación. Trátase de entender para valorar.

● O reto da integración cultural. A interculturalidade.
Cando os diferentes aspectos da cultura parecen fundirse e se fan intelixibles en termos de certos valores e crenzas fundamentais. A integración cultural supón o proceso polo cal elementos novos son incorporados a unha cultura receptora a partir da súa comprensión e reinterpretación de acordo cos seus valores tradicionais.

● A conservación do patrimonio cultural inmaterial.
○ Obstáculos para a conservación. A mundialización.
A mundialización é a progresiva integración das sociedades e economías nacionais en diferentes partes do mundo. Está impulsada pola interacción dos avances tecnolóxicos, as reformas no comercio e a política de inversións, xunto coas cambiantes estratexias de produción, organización e comercialización das empresas multinacionais.

○ A lingua como sustrato do patrimonio cultural inmaterial.

O sustrato lingüístico refírese ás influencias gramaticais, léxicas e fonéticas que impregnan unha língua, e son claves para a transmisión das realidades dos pobos.

○ Entidades. ○ Iniciativas e proxectos

● A explotación responsable do patrimonio cultural inmaterial.
○ A mirada do turista (John Urry). A perda de autenticidade.

Cando viaxamos apropiámonos dos lugares aos que visitamos a través da observación. Esta forma de apropiación por medio da mirada implica maneiras de socialización específicas. Así xeramos cultura por medio da “mirada” que se traduce en signos e comportamentos que son recibidos pola comunidade receptora, a cal se adapta e interacciona con ese pensamento foráneo.

● O patrimonio cultural inmaterial como ferramenta de desenvolvemento.
Xerar actividade entorno ao PCI facilitando a participación da poboación local nos servizos relacionados coa interpretación do mesmo permite obter unha maior riqueza patrimonial. A consulta e a participación das comunidades impacta positivamente nas tradicións orais, a autenticidade e a proximidades de ritos e cerimonias. Isto permite acadar maiores niveis de sostibilidade

● A sostibilidade no sector empresarial: económica, social e medioambiental.
É fundamental mellorar a eficiencia no uso dos recursos tanto ambientais, culturais e económicos. Ser ecoeficiente non só diminúe os impactos negativos no entorno, senón que outórgalle maior competitividade e rentabilidade ás empresas, mellora a comprensión dos seus procesos, optimiza a súa xestión de riscos e aumenta a motivación dos colaboradores.

Cuestións a debate


● De que maneira pode axudar o desenvolvemento a preservar oficios tradicionais?
● Como se enfrontan innovación e tradición?
● Como afectan as migracións ao PCI?
● Como afecta o turismo ao PCI?
● Desaxustes entre os dereitos humanos e as tradicións.
● Machismo vs cultura
● Está a esmorecer a lingua galega?
● De quen é a responsabilidade de preservar o PCI?

Referencias e bibliografía para consultar


Patrimonio cultural inmaterial

A arte da pedra en seco [en liña] Diario de Pontevedra [ref. 28 de novembro do 2018] Dispoñible en: https://www.diariodepontevedra.es/articulo/pontevedra/arte-da-pedra-seco-primeiro-ben-galego-patrimonio-inmaterial-da-unesco/201811282054431011480.html

Observatorio da Cultura Galega. (2018) Diagnose da cultura galega. Datos para unha estratexia cultural no século XXI. Consello da Cultura Galega. Santiago de Compostela. Dispoñible en: https://www.cultura.gal/es/diagnose-cultura-galega-datos-para-estratexia-cultural-seculo-xxi

Patrimonio Cultural Inmaterial [en liña] Unesco [ref. 2018] Dispoñible en: https://ich.unesco.org/es/inicio

Plan nacional de salvaguardia del patrimonio cultural inmaterial [en liña] Ministerio de cultura e deporte [ref. 2018] Dispoñible en: http://www.culturaydeporte.gob.es/planes-nacionales/planes-nacionales/salvaguardia-patrimonio-cultural-inmaterial.html

Plan para a salvagarda e posta en valor do patrimonio cultural inmaterial de Galicia [en liña] Proxecto Ronsel [ref. 2008] Dispoñible en: http://ronsel.uvigo.es/images/Documentos/plan_salvagarda_patrimonio_%5Bch%5D.pdf

Portal do Patrimonio Cultural Inmaterial de Galicia [en liña] Ronsel [ref. 2018] Dispoñible en: http://ronsel.uvigo.es/index.php

Rojas de Rojas, Morelba [en liña] Identidad y cultura [ref. 27 de febreiro do 2004] Universidad de los Andes. Dispoñible en: https://www.redalyc.org/html/356/35602707/

Emprendemento

¿Qué es un plan de empresa? [en línea] Ministerio de Industria, Comercio y Turismo [ref. 2018] Dispoñible en: https://planempresa.ipyme.org/InfGeneral/PlanDeEmpresa

Amarelas. Turismo e lecer en Galicia. [en liña] [ref. 2018] Dispoñible en: https://amarelas.es/

Escudero Cuevas, J. [en línea] Cómo elaborar un modelo canvas [ref. 15 de dicembro deo 2017] Emprendedores. Dispoñible en: https://www.emprendedores.es/gestion/a27644/modelo-3/

Proyecto empresarial. [en liña] Emprende pyme.net [ref. 2018] Dispoñible en: https://www.emprendepyme.net/proyecto-empresarial.html

Qué é a economía social? [en liña] EUSUMO [Ref. 2018]. Dispoñible en: http://eusumo.gal/que-%C3%A9-econom%C3%ADa-social