Guía do patrimonio cultural material galego e a súa conservación

Descarga el programa en PDF

Introdución


Esta guía supón un achegamento ao concepto de patrimonio cultural así como á necesidade do coñecemento e da preservación do mesmo co fin de protexer elementos que conforman a identidade e a cultura dos pobos, concretamente o galego.
Nesta guía centrarémonos no patrimonio cultural material, que engloba os recursos patrimoniais tanxibles das comunidades.
Así mesmo, este documento busca unha aproximación ao mundo empresarial como facilitador da conservación do patrimonio cultural dende unha perspectiva sostible.

Que é o patrimonio cultural?


O concepto de patrimonio fai referencia ao conxunto de bens e dereitos herdables, pertencentes a unha persoa, comunidade ou pobo. Existen diferentes tipos de patrimonio:
● Patrimonio natural: son os monumentos naturais que teñen un especial valor estético, medioambiental ou científico.
● Patrimonio cultural: está formado polo conxunto de bens culturais, que a historia foi creando e que no presente teñen unha importante relevancia histórica, estética, simbólica, etc., para os cidadáns dun pobo.

Se atendemos ao concepto cultura, podemos dicir que en trazos xerais a cultura supón o conxunto de ideas, coñecementos e tradicións que definen un pobo.
Segundo a Unesco (2018) “as diversas manifestacións da cultura abarcan dende os máis prezados monumentos históricos e museos ata os ritos tradicionais e a arte contemporánea, que enriquecen o noso día a día de múltiples maneiras”.
Esta organización de Nacións Unidas busca establecer a paz a través da educación, a ciencia e a cultura. Neste senso podemos advertir a importancia da cultura como elemento de cohesión das comunidades xa que nutre de coñecemento ás persoas permitindo o entendemento do seu entorno e da súa historia.
Ademais ten o poder de transformar as sociedades que actúan e viven baixo un marco normativo non explícito. A Unesco defende que ningún progreso pode ser duradeiro se non ten un compoñente cultural forte.
Galicia conta cun rico patrimonio cultural que ten un valor propio e que define a identidade da cultura galega.
Segundo a súa natureza, podemos diferenciar o patrimonio cultural galego como patrimonio material ou patrimonio inmaterial.

Que é o patrimonio cultural material?


O patrimonio cultural material fai referencia ao conxunto de bens que teñen un carácter tanxible. Pódese catalogar segundo a súa natureza entre patrimonio moble e patrimonio inmobles.

Os bens mobles son aqueles bens que non sexan inmobles e aquelas construcións e elementos susceptibles de ser transportados, calquera que sexa o seu soporte material. Os bens mobles poden protexerse de maneira individual ou como colección [...] (Cultura de Galicia, 2018).

Os bens inmobles son os que formaran parte consubstancial do inmoble noutro tempo, aínda que no caso de ser separados constitúan un todo perfecto de fácil aplicación a outras construcións ou usos diferentes do orixinal (Cultura de Galicia, 2018). É dicir, son producións humanas que non poden ser trasladadas dun lugar a outro, por ser estruturas grandes e pesadas, ou por ser de inseparable relación co terreo onde se atopan.

Para que sexa máis comprensible podemos atender ás diferentes categorías que Cultura de Galicia establece á hora de dividir este tipo de patrimonio.

● Monumentos. Son as obras ou construción que constitúen unha unidade singular recoñecible de relevante interese artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, etnolóxico, industrial ou científico e técnico.
Castelo de Monterei

Galicia única (2018)

● Xardíns históricos. Son espazos delimitados, produto da ordenación planificada de elementos naturais e artificiais de relevante interese artístico, histórico, arquitectónico, antropolóxico ou científico e técnico.
Xardín francés, Pazo Quiñones de León

Concello de Vigo (2018)

● Sitios históricos. Lugares vinculados a episodios relevantes do pasado, a tradicións populares ou a creacións culturais singulares de interese histórico, paleontolóxico, sempre que estean relacionados coa historia humana, etnolóxico, antropolóxico ou científico e técnico.
Casa de Castelao

Mobilizarte (2017)

● Xacementos ou zonas arqueolóxicas. Son lugares no que existen evidencias de bens mobles ou inmobles susceptibles de ser estudados con metodoloxía arqueolóxica, de interese artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, paleontolóxico, sempre que estea relacionado coa historia humana, ou antropolóxico.
Petroglifo do castriño de Conxo

Wikimedia (2017)

● Vías culturais. Son vías ou camiños de características orixinais recoñecibles que forman parte ou que o fixeron no pasado da estrutura tradicional do territorio, cun relevante interese histórico, arquitectónico, arqueolóxico, etnolóxico ou antropolóxico.

● Lugares de valor etnolóxico. Ámbitos nos que permanecen testemuñas relevantes e recoñecibles de actividades ou construcións vinculadas ás formas de vida e cultura tradicional do pobo galego que resulten de interese histórico arquitectónico, arqueolóxico, etnolóxico ou antropolóxico.
Muíños de Folón e Picón

Ruta dos faros de Galicia (2019)

● Conxuntos históricos. Son as agrupacións de bens que conforman unha unidade de asentamento, continua ou dispersa, cunha estrutura física representativa da evolución dunha comunidade que resulta unha testemuña cultural significativo por interese artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, etnolóxico, industrial ou científico e técnico, aínda que individualmente os elementos que o conforman non teñan unha especial relevancia.
Pendellos de Agolada

A hora dos mouros (2011)

● Paisaxes culturais. Son lugares identificables por un conxunto de calidades culturais materiais e inmateriais singulares, obras combinadas da natureza e o ser humano, que é o resultado do proceso da interacción e interpretación que unha comunidade fai do medio natural que o sustenta e que constitúe o soporte material da súa identidade.
Serra dos Ancares

Galipedia (2018)

● Territorios históricos. Supoñen o ámbito no que a ocupación e as actividades das comunidades ao longo da súa evolución histórica caracterizan un ámbito xeográfico relevante polo seu interese histórico, arquitectónico, arqueolóxico, etnolóxico, antropolóxico, industrial ou científico ou técnico.
Camiño do norte da costa

Galipedia (2017)

A conservación do patrimonio cultural material


O patrimonio galego é, como viamos, o conxunto de elementos representativos da cultura galega. Ademais de ser fonte de coñecemento e sinal de identidade, o patrimonio supón unha ferramenta de enriquecemento social, económico e medioambiental para Galicia que se pode traducir en actividades culturais, turísticas, emprego, etc. Ademais o patrimonio significa un “activo” para o país, é dicir, un ben susceptible de converterse en cartos.
Por estes motivos é entendible a necesidade da súa protección.
Existen diferentes organismos que se adican a protexer, conservar, investigar e difundir o patrimonio. Diferentes organizacións establecen figuras de protección que fan que o tratamento e as actuacións humanas sobre os recursos estean controladas e guiadas en maior ou menor medida.
A nivel mundial, a Unesco vai incorporando a súa listaxe bens patrimoniais de especial relevancia a nivel internacional dándolle a figura de Patrimonio da Humanidade. Galicia conta con catro bens culturais materiais que desfrutan desta categoría.
Muralla Romana de Lugo

Romanorum Vita (2018)

A Unión Europea, que celebrou no 2018 “O ano europeo do patrimonio cultural”, establece sellos de patrimonio europeo, co fin de consolidar a identidade europea.
A nivel estatal, ademais da Ley 16/1985, de 25 de junio, del Patrimonio Histórico Español, a Dirección Xeral de Belas Artes e Bens Culturais e de Arquivos e Bibliotecas, a través da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Histórico, é responsable do mantemento e actualización de dúas categorías de protección:

● O Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural (BIC)
Torre de Cira (Silleda)

Historia de Galicia. gal (2018)

● E o Inventario Xeral de Bens Mobles.
Mural de Lugrís

Roi Malabares (2018)

Así, en Galicia, a Lei 5/2016, de 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia a través da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo encárgase dos procedementos xurídicos de protección do patrimonio cultural e da xestión para a declaración dos BIC. Estes bens son aqueles mobles, inmobles e inmateriais máis singulares do patrimonio cultural de Galicia.

Pero se non está protexido, deixa de ser patrimonio?


Galicia conta con innumerables exemplos de patrimonio cultural material. Botade unha ollada aos vosos municipios e seguro atoparedes recursos materiais de grande importancia cultural, que quizais non están rexistrados en ningures. A organización Patrimonio Galego, ofrece unha plataforma cidadá como soporte para un catálogo de bens culturais.
http://patrimoniogalego.net/index.php/indice-do-catalogo/

Ademais inclúen unha “lista vermella” de bens que corren un risco inminente de desaparecer ou deteriorarse por diferentes motivos.

Emprendemento, desenvolvemento local e sostibilidade.


Se ben, a meirande parte das actividades relacionadas ao concepto de “patrimonio” teñen que ver coa preservación e a conservación, este concepto conforma un amplo escenario de actuación. Este ámbito serve como oportunidade de negocio para elaborar de proxectos de emprendemento.
Como viamos, o patrimonio cultural material supón un “activo” das comunidades, e a súa conservación pode permitir xerar beneficios individuais e tamén colectivo. Segundo sexa o obxectivo empresarial e o plan de emprendemento, os beneficios derivarán, non só na empresa senón, na comunidade onde desenvolva a súa actividade. Esto pode suceder dunha maneira simbiótica, xerando un desenvolvemento local sempre beneficioso para a empresa.

Pero, que é o emprendemento?

Emprender significa coller unha idea e levala a cabo. Parte dun estado de insatisfacción ou insuficiencia que se quere cambiar e que vai da man de acadar maiores logros.

Todo surxe cunha idea de negocio, que se traballa a través das aptitudes dos/das emprendedores/as. Estes/as deciden organizar os recursos necesarios para poñer esa idea en marcha na súa futura empresa, sexa pyme ou startup.

“Soña en grande e atrévete a fallar” – Norman Vaughan

Se ben todo emprendemento implica unha innovación e un risco, é o camiño para materializar os soños.

Teño perfil emprendedor?

Darlle forma a un soño non é unha tarefa sinxela, require un gran sacrificio onde converxen moitas variables, polo que é mellor contar con algunhas ferramentas propias.
Presentámosvos algunhas características que comparten as persoas emprendedoras. Seguindo a Emprende Pyme.net (2018), os/as emprendedores/as contan con:
● paixón
● claridade das ideas
● capacidade continua de aprendizaxe e de afrontar riscos
● determinación e coraxe
● creatividade
● persistencia
● flexibilidade
● autoestima

Quen me pode axudar a levar adiante a miña idea?


Existen diferentes entidades que prestan apoio a persoas emprendedoras de diferentes maneiras. Algunhas fano de maneira consultora, resolvendo dúbidas, guiando o proceso de constitución e consolidación da empresa; outras fano de maneira económica, habilitando axudas para impulsar o financiamento inicial que precisa a empresa e poida materializarse.

Estas axudas tamén dependen da forma xurídica que decidades adoptar para a vosa empresa. Por exemplo, as empresas que pertencen á Economía Social, como as cooperativas, soen contar con apoios específicos polo beneficio social que se deriva da súa actividade.

Ademais se es xove, existen axudas concretas para mellorar a empregabilidade xuvenil.

Así, podedes atopar apoios en:

Por onde empezo?


Para facer algo e que sexa con éxito precísase un plan. Neste caso, un plan de empresa, proxecto empresarial, proxecto de negocio… Este plan determinará a nosa idea de negocio, as necesidades que ten, o financiamento, os clientes que teremos, como nos daremos a coñecer, etc. O plan serviranos como ferramenta para ir camiñando no noso emprendemento.

Aquí vos deixamos uns enlaces que vos axudarán a elaboralo.

Exemplos de emprendemento cultural


Mostramos a continuación algúns exemplos de iniciativas empresariais con obxectivos de negocio diferentes, pero que teñen como elemento central de negocio o patrimonio cultural material.

Mellor facelo sostible


Podemos dicir que as actividades que se derivan da conservación e a posta en valor do patrimonio poden ser fonte de emprego.
Ou visto doutra maneira, o emprego pode xerar procesos de conservación e de revalorización do patrimonio.
Vendo a importancia da conservación do patrimonio, observamos que a etiqueta “sostible” podería encaixar perfectamente co noso proxecto de empresa, xa que, segundo a RAG (2018) significa preservar, manter ou mellorar a calidade dos recursos actuais e velar polos futuros.
Nutrir o noso emprendemento de esta idea implica atender ás necesidades actuais sen comprometer á capacidade de atendelas nun futuro. Por iso é importante atender aos impactos das nosas actuacións: impactos ambientais, sociais e económicos, xa que van a influír sobre o entorno e sobre o produto ou servizo que queiramos vender.

Temas de análise


A cultura e a identidade.
A identidade no ser humano refléxase na solución de problemas e en afrontar retos de maneira clara e precisa. Cando a identidade está definida faise posible lograr nexos de identificación con outro. Así os procesos de enculturación e aculturación afectan á vida cotiá de persoas e colectivos.

A interpretación do patrimonio cultural material.
A interpretación do patrimonio é un proceso creativo de comunicación estratéxica que persigue conectar intelectual e emocionalmente ao observador cos significados do recurso ou enclave, promovendo actitudes positivas cara a súa conservación. Trátase de entender para valorar.

A conservación do patrimonio cultural material.
O patrimonio cultural representa aquelo que temos dereito a herdar e estamos obrigados a conservar para as xeracións futuras xa que se entende como o reflexo da continuidade e identidade dos pobos.
○ Entidades.
○ Iniciativas e proxectos. Axendas 21 locais.

A explotación responsable do patrimonio cultural material.
○ O turismo e a decadencia dos destinos. Caso Santiago de Compostela.
A actividade turística nunha determinada zona non é estática. Cando unha área xeográfica comeza a involucrarse no turismo, entra nun ciclo dinámico que vai evolucionando perigosamente cara a súa propia decadencia. Por iso son tan importantes as planificacións turísticas de carácter sostible.
○ A xentrificación.
Fai referencia ao proceso de transformación dun espazo urbano, no que a partir da súa “rehabilitación” edificatoria ou de servizos provoca un auento dos alugueres e do coste habitacional nestes espazos. Isto provoca que os residentes tradicionais abandonen o barrio e se sitúen en espazos máis periféricos.

O patrimonio cultural material como ferramenta de desenvolvemento.
Xerar actividade entorno ao patrimonio cultural facilitando a participación da poboación local nos servizos relacionados coa interpretación do mesmo permite obter unha maior riqueza patrimonial. A consulta e a participación das comunidades impacta positivamente na valoración e protección dos recursos.

A sostibilidade no sector empresarial: económica, social e medioambiental.
É fundamental mellorar a eficiencia no uso dos recursos tanto ambientais, culturais e económicos. Ser ecoeficiente non só diminúe os impactos negativos no entorno, senón que outórgalle maior competitividade e rentabilidade ás empresas, mellora a comprensión dos seus procesos, optimiza a súa xestión de riscos e aumenta a motivación dos colaboradores.

Cuestións a debate


● É o patrimonio un ben non renovable?
● Que pasou coas 7 marabillas do mundo antigo?
● Cómo inflúen as figuras de protección na afluencia turística dos recursos patrimoniais?
● Consérvase mellor o patrimonio cultural se este está baixo unha “etiqueta” de especial interese?
● De quen é a responsabilidade da conservación do patrimonio cultural material?
● A colonización do patrimonio cultural material. O turismo.
● Débese pagar por entrar nos recursos patrimoniais?
● A etiqueta “sostible” úsase só como márketing?

Referencias e bibliografía para consultar


Patrimonio cultural material

Amarelas. Turismo e lecer en Galicia. [en liña] [ref. 2018] Dispoñible en: https://amarelas.es/

Cultura de Galicia. https://www.cultura.gal/es

Observatorio da Cultura Galega. (2018) Diagnose da cultura galega. Datos para unha estratexia cultural no século XXI. Consello da Cultura Galega. Santiago de Compostela. Dispoñible en: https://www.cultura.gal/es/diagnose-cultura-galega-datos-para-estratexia-cultural-seculo-xxi

Patrimonio Cultural. [en liña] Ministerio de cultura y deporte. [ref. 2018] Dispoñible en: http://www.culturaydeporte.gob.es/cultura-mecd/areas-cultura/patrimonio/portada.html

Patrimonio Galego. [en liña] Índice do catálogo. [ref. 2018] Dispoñible en: http://patrimoniogalego.net/index.php/indice-do-catalogo/

Rojas de Rojas, Morelba [en liña] Identidad y cultura [ref. 27 de febreiro do 2004] Universidad de los Andes. Dispoñible en: https://www.redalyc.org/html/356/35602707/

UNESCO. [en liña] Proteger el patrimonio y fomentar la creatividad. [ref. 2018] Dispoñible en: https://es.unesco.org/themes/proteger-patrimonio-y-fomentar-creatividad

Emprendemento

¿Qué es un plan de empresa? [en liña] Ministerio de Industria, Comercio y Turismo [ref. 2018] Dispoñible en: https://planempresa.ipyme.org/InfGeneral/PlanDeEmpresa

Escudero Cuevas, J. [en liña] Cómo elaborar un modelo canvas [ref. 15 de diciembre del 2017] Emprendedores. Dispoñible en: https://www.emprendedores.es/gestion/a27644/modelo-3/

Estrategia 2020 del turismo de Galicia [en liña] Xunta de Galicia. [ref. 2018] Dispoñible en: https://www.turismo.gal/canle-institucional/turismo-de-galicia/a-axencia/estratexia-do-turismo-de-galicia-2020?langId=es_ES

Proyecto empresarial. [en liña] Emprende pyme.net [ref. 2018] Dispoñible en: https://www.emprendepyme.net/proyecto-empresarial.html

Qué é a economía social? [en liña] EUSUMO [Ref. 2018]. Dispoñible en: http://eusumo.gal/que-%C3%A9-econom%C3%ADa-social